Asociación Son d’Aldea

A veciñanza de Santiago de Albá, Vilafofe, Santo Xusto, Palas de Rei, no concello de Palas de Rei (Comarca da Ulloa), xunto con outras persoas chegadas de distintos puntos de Galiza, aventuráronse na creación dun evento onde a aldea e a súa xente recobren protagonismo e recoñecemento.

Trátase dun proxecto que pretende dinamizar, recobrar a vida que non hai tantos anos tivo o rural galego.

Cada persoa que neses días se achegue a Santiago de Albá e Santo Xusto, será transportada a través do seu mundo a un mundo diferente, que cada quen acomoda e interpreta en base ao seu e volve do soño, un mundo que hai poucos anos estaba vizoso e hoxe en silencio se apaga.

Sabedores e sabedoras disto, descubrimos a maxia das árbores, dos paxaros, da xente; os camiños cara a aldea transfórmanse en mil historias, tantas como camiñantes (e algunha máis), cada paso é una experiencia de sensacións, de imaxinación única e diferente, cada paso convértese na concreción serena e humilde dun espazo físico, duns recursos infravalorados que de súpeto, co camiñar, por momentos agroman e rebentan.

Convencidos e convencidas de que outra realidade é posible, tocamos cos dedos o feitizo no que dormen olores e obxectos, un serán e o canto do carro, o aloumiño e agradecemento a unha vaca e o ladro do noso can. Poderemos contar e escoitar contos no escano da lareira, as corredoiras ábrense, e con elas un durmido universo novo, e ábrense os valados e as leiras; a carriza , as castañas e o carballo; escoitamos palabras xa diferentes e sentímolas, rompemos a monotonía dormente, e pasamos por una corrupia, e o namoro duns mozos ocorre no misterio da eterna natureza ; talvez, o lobo nos acompañe e suba o esqueiro antes ca nós, e o arreguizo da súa imaxe perdida ince no sentimento previo do medo, e respectamos o lobo.

Son d´aldea é pór o pan en común, as ideas, o cariño por un xeito de vida primixenio e respectuoso co medio, orixe de todos nós; pór en valor o que fomos e somos, dar vida e alma nova aos misterios que dormen nos eucaliptos que invaden as corredoiras e as silvas que comen as pedras das casas. Todo isto desde unha perspectiva onde o protagonismo o asume a veciñanza, sobre todos e todas aqueles e aquelas que nunca tiveron VOZ e que hoxe reciben o aplauso longamente merecido.